Saturday 27 de April de 2024

O alcalde sinala que a pesar do nivel vermello de Santiago, non se dan os criterios para o confinamento da cidade


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala que Compostela, a pesar de pasar a nivel vermello, non se atopa no “escenario” de que se decrete o seu confinamento perimetral. Está “moi lonxe”, argumenta, dos criterios determinados polo Ministerio de Sanidade e refrendado polas Comunidades Autónomas, tanto en casos, 500 por cen mil habitantes; como en ocupación da UCI, dun 35%, e porcentaxe de positivos nas probas PCR realizadas. Engade que os datos non avalarían ese tipo de medidas, aínda que, afirma, o goberno municipal respectará e acatará o que decida o Comité Clínico, que se reúne esta tarde.

“Non é un dato que nos sorprenda”, sinala o alcalde, “seguindo a evolución nos últimos días”. Recoñece a preocupación pola evolución, máis que polos datos en sí, 233 casos activos a día de onte. Se se exclúe a poboación de estudantes, a cifra baixaría, segundo explicou o rexedor, aos aproximadamente 200 casos por cen mil habitantes; cifras por debaixo, argumenta, da media de casos a nivel estatal. Sánchez Bugallo está preocupado pola comunidade univesitaria. Explica que dos 42 casos positivos detectados ata o día de onte, 39 corresponden a estudantado e o resto a profesorado e persoal administrativo, polo que conclúe, a universidade é, neste momento, “o principal foco de crecemento de casos activos en Santiago”.

Segundo explicou o alcalde, os casos diagnosticados de hoxe “son en boa medida os contaxios de hai unha semana”. Os do xoves e o venres pasado, engadiu, coñecerémolos ao longo desta semana. Sánchez Bugallo vincula estes contaxios ás festas en pisos, sobre sesenta a semana pasada que, advertiu, como se ben facendo ata o de agora, serán sancionadas. “A nosa convicción é que estas infeccións se están producindo fora do horario lectivo. Imos ver que podemos facer conxuntamente coa universidade, para concienciar aos xóvenes de que a súa seguridade é moi importante”. Engade que “imos sancionar”, como se fixo ata o momento, “os comportamentos inadecuados”, pero a responsabilidade “segue a ser o factor fundamental para previr a evolución desta pandemia.

Para Sánchez Bugallo, “se se logra esta semana estabilizar a cifra de contaxios, reducir os novos e estabilizar os casos totais, “estaremos nun escenario razoable. Se non fóra así, “estamos nun escenario moi preocupante”, concluíu.